A aparente tranquilidade de Serramoura vese truncada o día que Mónica Triáns, unha rapaza de 25 anos, aparece asasinada no medio do monte. Para Marga non se trata dunha vítima sen máis, xa que Mónica era unha das súas mellores amigas e, ignorando os consellos do seu superior, involúcrase no caso. O corpo sen vida estaba nunha parcela de monte propiedade de Evaristo Fiúza, dono de toda a vila menos do serradoiro, propiedade da familia Soutelo. Sabedor das débedas que causa e aproveitando que Xulián Soutelo está no seu leito de morte, Evaristo coaccionará ao seu fillo, Gonzalo, para que asine os documentos de venda do serradoiro, o seu máis prezado obxecto de desexo. Mentres, a morte de Mónica, que traballaba na única taberna de Serramoura, comeza a ter repercusión entre os veciños. O seu asasinato conmociona toda a vila e pona patas arriba na procura dun culpable. Nunha primeira instancia, a investigación céntrase en Román Fiuza, ex-mozo de Mónica e fillo de Evaristo, que axiña consegue unha sólida coartada para el. O móbil da vítima, atopado na escena do crime, revela que antes de ser asasinada recibiu mensaxes ameazantes de Pancho, marido de Raquel, a irmá de Marga, e todo apunta a que é culpable. Todo parece claro, pero os protagonistas están convencidos de que Pancho non é o auténtico culpable. Xogando os seus postos dentro do Corpo, Marga e Diego investígano extraoficialmente. Tras comprobar o pasado de Mónica Triáns descobren algo sorprendente: leva 30 anos morta. A súa documentación era unha falsificación e estaba usando unha identidade falsa. Quen era Mónica realmente? Quen a matou?
O atraco a punta de pistola nun banco conmocionará novamente Serramoura. O atracador non levou cartos ningúns, só unha caixa de seguridade a nome de Mónica Triáns. Que gardaba a moza asasinada no banco? Dar co ladrón podería ser a única maneira de descubrir cal era a verdadeira identidade da vítima e, polo tanto, o móbil do seu asasinato. Deter ao atracador e recuperar a caixa de seguridade de Mónica Triáns pasa a ser prioridade para os nosos protagonistas. Se o conseguen, poderán reabrir a investigación e avanzar nun caso que se está transformando para os dous nunha obsesión. O atraco coincidirá no tempo co funeral de Xulián Soutelo, patriarca da familia propietaria do serradoiro e cita ineludible para todo aquel que se considere alguén en Serramoura. O evento perfecto para que Teresa Soutelo pesque investidores para o seu necesitado serradoiro. Pronto, Raquel acabará cos soños de prosperidade dos Soutelo. A contabilidade do negocio é tan mala que botaría por terra calquera plan de investimento... ou poida que non? Allea a todo isto, Álex, a filla de Raquel e Pancho, iniciou a súa propia investigación para dar co asasino de Mónica e así sacar ao seu pai do cárcere. En contra das advertencias do seu amigo Quique, a moza intentará gañarse a confianza de Román Fiuza, sospeitoso inicial que se resgarda baixo unha falsa coartada.
Un incendio de grandes dimensións prende nos montes de Serramoura. A Garda Civil aínda non o sabe, pero o incendio foi provocado. O que non imaxinan os investigadores é que o motivo foi a queima do cadáver do atracador que roubou a caixa de seguridade de Mónica Triáns. A investigación do caso prosegue, tortuosa e traumática, pois cada pista fai xurdir un novo sospeitoso. Pero para os habitantes de Serramoura o urxente será extinguir o lume que ameaza non só os montes de Serramoura, senón ao modo de vida dos seus habitantes e, en especial, da familia Fiúza, principais terratenentes da zona. A Garda Civil terá que darse presa, se non quere que Evaristo Fiúza imparta a súa propia xustiza. Mentres, no serradoiro, a familia Soutelo sospeita da existencia dun espía entre os seus empregados. Está claro que alguén tivo que contarlle a Evaristo que se planeaba unha recapitalización do negocio. Os inversores estaban moi interesados, pero a filtración dunha dobre contabilidade e o temor ao escándalo e ao cárcere deron ao traste coa operación.
O achado de Raquel dun teléfono móbil escondido na súa casa supón todo un shock para a irmá de Marga, que ata agora confiara cegamente no seu home. Pero, de quen é ese teléfono, que fai agochado na súa casa e por que soa constantemente? Quizais na memoria do aparato se atope a resposta que bote luz sobre quen está detrás do asasinato de Mónica Triáns e que papel xogou Pancho. Allea a este descubrimento, a súa filla Álex continúa a súa cruzada particular: conseguir demostrar que Román é o asasino e así liberar ao seu pai. Román caeu na trampa e a relación xa é real e perigosa. Ademais, deberán mantela en segredo para evitar que as súas familias compliquen aínda máis a situación. Outra relación que se estreitou considerablemente é a de Diego e Gloria, pero non ata o punto que comezan a sospeitar algúns veciños de Serramoura. Diego fíxolle un favor á muller de Fiúza e esta devolveullo entregándolle unha copia do último correo electrónico intercambiado entre Román e Mónica. Dentro hai unha nova vía de investigación: unha fotografía furtiva que, levado pola súa obsesión, lle sacou Román a Mónica e onde esta aparece cun home descoñecido que podería ser o seu asasino. Mentres, chegou a hora de inhumar os restos mortais de Mónica. Sentimentos encontrados aflorarán no momento de organizar a despedida. Marga e Luz encargaranse dos detalles, pero no seu corazón farase patente o desasosego por non saber quen era realmente a súa amiga e quen a matou.
En Serramoura ninguén é quen parece ser. Un tras outro van caendo os habitantes da vila madeireira do seu pedestal. Primeiro foi Pancho, o marido de Raquel, quen tras negar mil veces a evidencia, non tivo máis remedio que confesar a infidelidade á súa muller. Unhas mensaxes de voz acabaron por delatalo. E o último foi nada menos que Emilio, médico da vila e parella de Marga Neira, a sarxento da Garda Civil. A ámbalas dúas mulleres as súas parellas traizoáronas coa mesma muller, Mónica Triáns, unha vítima que a cada paso que avanza a investigación menos inocente parece. Pero, por se non houbese bastantes sospeitosos na localidade, acaba de facer acto de presenza un novo personaxe, un tal Santos, dono dun taller de despezamento e, en opinión da sarxento Neira, un home de negocios, todos eles ilegais. De quen tampouco se fía demasiado Diego Bazán é do seu propio tenente. Pero o que non sospeita o sarxento é que Tomás Penedo ten unha débeda pendente con Evaristo Fiúza e o poder suficiente para sacar á luz algo que podería acabar coa súa misión en Serramoura. Mentres tanto, no serradoiro dos Soutelo a situación económica segue empeorando e os traballadores ameazan cunha folga se non se lles paga o que se lles debe. Esta será agora a maior preocupación de Gonzalo e da súa nai, pero non de Raquel, administradora do negocio, que asiste con temor á consolidación da relación entre a súa filla e Román Fiúza.
Mónica pensaba abandonar Serramoura. A súa equipaxe e unha gravación de despedida apareceron nun vello alpendre propiedade de Santos, home carente de toda honradez e propietario do taller de despezamento. Os axentes Marga Neira e Diego Bazán atoparon por fin un novo fío do que tirar na súa investigación. Pero deben ter coidado: oficialmente o caso está pechado e a Tomás, o seu tenente, non se lle escapa nada. E neste contexto tan particular, celébrase en Serramoura unha edición máis da súa Festa da Leña, a máis popular da comarca. O evento, que ata agora sempre patrocinaron os Soutelo, non podía chegar en peor momento para os propietarios do serradoiro. Cos traballadores en folga e sen cartos para facerlles fronte aos salarios, dona Teresa e o seu fillo Gonzalo terán que achar unha solución. A Festa da Leña debe celebrarse, custe o que custe. Un ano máis, Serramoura servirá de punto de encontro para transportistas, madeireiros e propietarios para gozar dun día, como di Marga, “de comida, bebida e moita troula”. Pero o máis espectacular desta festividade é o seu tradicional concurso. Quen será o máis rápido da comarca cortando leña? Ata a data, a competición supuxo, ano tras ano, a maior exhibición do enfrontamento entre os Fiúza e os Soutelo.
Pancho, o marido de Raquel, por fin saíu de prisión. Pero o prezo que ten que pagar pola súa liberdade é moi elevado. Agora toda Serramoura coñece o seu escuro pasado, cando traballaba de matón para Santos. Aínda que a máis sorprendida por esta historia semella ser a súa propia muller. O prezo da súa liberdade inclúe tamén o asasinato de Diego Bazán. Descartado o único sospeitoso oficial, ao xuíz non lle queda máis remedio que reabrir o caso. Unha gran noticia para Marga e Diego, que por fin poden continuar coas súas investigacións de maneira oficial. Pero os sarxentos non acaban de fiarse de Tomás, o seu tenente, xa que a súa relación con Evaristo podería condicionar o seu punto de vista do caso. Pola súa parte, Román Fiúza, cuxa coartada non convenceu no seu día aos investigadores, volve estar no punto de mira da Garda Civil, unha nova fronte de batalla para o seu pai, que parece estar moi ocupado últimamente poñendo orde na súa vida familiar. Unha posible infidelidade da súa muller puxo a Evaristo en alerta. Ata que punto estaría disposta a chegar Gloria para conservar os seus privilexios? Pero non é o seu único problema, nin sequera o máis grave, xa que a arma utilizada para matar a Mónica Triáns aparece no soto da súa casa. E, para desgraza de Evaristo, é Álex quen deu con ela. Un descubrimento que ninguén debe coñecer e que obrigará a Evaristo a chegar a extremos que nunca puido imaxinar.
Tras aparecer a arma homicida no fogar dos Fiuza, un segredo instalouse entre os seus muros de pedra: para os membros da familia, non cabe dúbida de que un deles é o asasino. Evaristo é culpable a ollos de Gloria e Román, mentres que o seu fillo é o asasino, sen ningunha dúbida, en opinión do patriarca e de Hugo, o seu avogado. E, aínda que o silencio se impón como consigna a seguir, a situación porá a proba a fidelidade dos membros da familia máis poderosa de Serramoura. O resto da vila segue a sufrir os danos colaterais desta historia que se complica un pouco máis. Raquel e Pancho pasan posiblemente polo peor momento das súas vidas, que pouco ten que ver coa súa danada relación de parella. Pancho está en débeda con Santos e este non é un tipo que se caracterice, precisamente, pola súa paciencia á hora de cobrar as súas débedas. Se Pancho non mata a Diego Bazán, Santos está disposto a tomar represalias contra a súa familia. E, entre tantas complicacións, a Garda Civil pregúntase agora onde foi parar a arma homicida. Saben que estaba na casa dos Fiuza e que alguén tivo que sacala de alí. Pero ninguén sabe onde está agora. Ninguén menos Emilio, o médico da vila. Convertido nun paria dentro de Serramoura desde que se coñeceu a súa relación con Mónica, decide investigar a morte da camareira pola súa conta, disposto a demostrar a súa inocencia.
A vida complícase cada vez máis para os habitantes de Serramoura, que, dun xeito ou doutro, están a sufrir as consecuencias do misterioso asasinato de Mónica Triáns, un caso que segue traendo de cabeza á Garda Civil, especialmente a Marga e a Diego. Un dos afectados é Evaristo Fiuza, que se atopa detido. Ata o de agora, ao home máis poderoso de Serramoura impútanselle dous asasinatos: o de Mónica Triáns e o de Emilio, médico da vila e ex parella sentimental de Marga Neira. Pero, foi el? A sospeita, que corre como a pólvora polo lugar, abrirá unha brecha insalvable entre o acusado e o seu fillo. Mentres, Santos planea a súa vinganza contra Diego Bazán desde o cárcere. Pancho fallou no seu intento de eliminar ao sarxento. Agora, o ex marido de Raquel ten unha débeda co axente da Garda Civil que lle salvou a vida. Con Diego ao tanto das intencións de Santos, este atopou un poderoso aliado en Vítor Somoza, do Servizo de Asuntos Internos. Vítor chegou a Serramoura cunha soa intención: acabar coa carreira do sarxento Bazán, aínda que para iso teña que coaccionar, un a un, a todos os veciños da vila. Por outro lado, preocupada pola saúde de seu pai, Álex decide levar a Pancho de novo á casa, unha situación moi incómoda para a súa nai, pero tamén para el, que vivirá en primeira persoa cada episodio da relación errada de Raquel con Gonzalo. E a investigación policial prosegue. Convencida de que o asasino os está a enganar de novo, Marga segue os pasos da investigación que desenvolveu Emilio para atopar o verdadeiro culpable. De maneira inequívoca, Marga descubrirá, por fin, o rostro do asasino de Serramoura.
Gonzalo Soutelo é o asasino de Serramoura e a Garda Civil sábeo. Tres persoas tiveron que morrer para chegar a el, pero os axentes están xa tras a súa pista e un só descoido pode ser suficiente para capturalo. Agora falta esclarecer o móbil dos crimes. Mónica Triáns, o atracador do banco e Emilio, o médico da vila, morreron por un mesmo motivo e as pezas do crebacabezas parece que empezan a encaixar. No fogar dos Fiúza, a familia ata agora máis poderosa de Serramoura, parece abrirse unha brecha demasiado grande entre pai e fillo. Evaristo e Román xa non están no mesmo bando e Gloria, a esposa do patriarca, gaña poder día a día. Por agora, só parece disposto a pararlle os pés Hugo, o avogado do seu home. Pero, quen gañaría se Evaristo tivese que elixir entre o seu home de confianza e a súa muller? Tampouco se respira tranquilidade na casa de Raquel. A súa filla Álex, conmovida polo mal estado de saúde do seu pai, decidiu levalo para a casa. O que antes era un fogar feliz é agora o acubillo dunha parella separada, cunha filla que fai o imposible porque as cousas volvan ser como antes.
Gonzalo Soutelo non poderá escapar por moito tempo. Ou, polo menos, niso confían os axentes da Garda Civil. Grazas a Raquel, as probas contra o asasino de Mónica Triáns xa están en mans da xustiza, pero os veciños da localidade aínda non descansan tranquilos. Moi ao contrario, son moitos os que opinan que non será doado dar co fuxido. Evaristo Fiuza será o primeiro en dar a voz de alerta e organizar aos seus homes. A consigna será clara: dar caza a Gonzalo Soutelo. O seu futuro dependerá de quen dea antes con el. Se Evaristo é quen chega a el primeiro, ninguén dubida de que acabará con el. Ninguén o dubida e todos o desexan. Tras axudar a capturar ao home do que estaba namorada, agora Raquel trata de recompoñer a súa vida, cousa complicada tendo en conta que está embarazada dun asasino múltiple. A Serramoura non se lle augura un futuro próximo demasiado tranquilo. Vítor Somoza, axente de Asuntos Internos da Garda Civil, acaba de chegar á vila. O seu obxectivo é claro: acabar con Diego Bazán. E, entre outros medios para conseguilo, estableceu unha peculiar alianza con Santos, a quen prometeu sacar do cárcere. Este panorama tan complicado verase aínda máis enturbado cando un novo caso de asasinato sorprenda aos habitantes da vila.
Despois de solucionar o caso de Mónica Triáns, Diego Bazán pensa en abandonar a vila, mais a sarxento non llo permite, pois un novo asasinato obrigarao a prolongar a súa estancia na vila. Unha moza prostituta chamada Araceli será a vítima dun novo caso para a parella de sarxentos Neira-Bazán. Un coche sinistrado en estrañas circunstancias e unha segunda ocupante desaparecida serán as primeiras pistas para a investigación. A trama complícase cando as primeiras pescudas apuntan a un asasino a soldo como posible culpable. Quen puido contratalo? Tras a detención de Gonzalo Soutelo, aos veciños de Serramoura aínda non lles deu tempo de recobrar a normalidade. Evaristo Fiúza permanece ingresado e debátese entre a vida e a morte. E mentres o seu fillo Román se fai cargo dos seus negocios, a súa esposa Gloria conspira contra el para quedar con todo, tratando de establecer as alianzas máis inesperadas.
Ante a negativa de dona Teresa para asociarse con Santos, non lle quedou outra opción que cambiar de estratexia. Usará os contactos que ten no cárcere para presionar a dona Teresa onde máis lle doe: o seu fillo Gonzalo. O negocio dos Fiúza tampouco parece discorrer polos camiños habituais. Román faise cargo, moi responsablemente, dos asuntos do seu pai. Pero o que descoñece o descendente dos Fiúza é ata onde pode chegar a capacidade de manipulación da súa madrastra Gloria. Mentres, a Garda Civil continúa inmersa na investigación do asasinato de Araceli. A muller desaparecida do escenario do crime xa foi identificada. Trátase de Sara, a irmá díscola de Luz, a camareira da taberna. Unha nova parella chega a Serramoura para quedar. Trátase do matrimonio formado por María e Roque. Ela, amiga da infancia de Evaristo; el, o mellor cortador profesional dos arredores. Ambos os dous non tardarán en atopar o seu lugar en Serramoura. Un lugar que espertará vellos rancores e tamén vellos amores.
Alguén entrou no posto da Garda Civil en Serramoura e chegou ata a sala de probas. Todo indicio relacionado co caso do asasinato da moza Araceli Marín foi roubado. Está claro que os ladróns contaron coa axuda de alguén de dentro do cuartel. Sen nada sólido ao que aferrarse e coa seguridade de ter un traidor entre as súas filas, os axentes só contan cunha pista para continuar: o teléfono móbil de Castro, o sicario que tratou de asasinar a Sara. Mentres, Quique, o novo garda que salvou a vida de Luz e a súa irmá, trata de asimilar a posibilidade de que o home ao que disparou faleza no hospital. Un episodio traumático que deixará secuelas no personaxe. Pola súa banda, Sara négase a declarar ante a Garda Civil. A moza decidiu sacarlle partido á súa difícil situación. Unha gravación parece ser a clave de todo. Que contén, quen estarían dispostos a pagar por ela e por que? A primeira interesada é dona Teresa e Sara sabe que pagará por ela o que lle pida. A incógnita crece: que beneficio pode sacarlle a matriarca dos Sotuelo? Na casa dos Fiúza as cousas tampouco transcorren con normalidade. A visita de María devolveulle a Evaristo un pasado feliz; un pasado que non cría posible recuperar. Pero, por que a muller de Roque lle ocultou ao seu marido a visita á casa do seu amigo de mocidade? Con todo, o patriarca dos Fiúza está preocupado por certos problemas laborais. Gloria e Hugo deron un paso máis no seu plan por acabar coa boa relación entre Román e o seu pai. Un paso arriscado que lles pode levar ao éxito ou a ser descubertos.
Un descubrimento de última hora deulle un xiro absoluto á investigación do asasinato de Araceli Marín. Todo apunta a que o infiltrado na Garda Civil é o tenente Tomás Penedo e Marga parece telo acurralado. Pero o enfrontamento, pistola en man, entre a sarxento Neira e o tenente Penedo podería terminar en traxedia. O caso segue aberto e no cuartel saben que necesitan o vídeo, ou polo menos descubrir que contén, para avanzar. Pero Sara manteno no seu poder e dona Teresa parece estar interesada en compralo, xa que o necesita para sacar a Gonzalo do cárcere. Faltan gardas para tanto traballo. Diego Bazán foi suspendido e Asuntos Internos vaino investigar a el e cada un dos casos en que traballou, procesos que agora se atopan na corda frouxa, para desgraza dos seus compañeiros. Mentres, en casa dos Neira están de parabéns: a familia está máis unida que nunca e Álex e Raquel decidiron mudarse á casa do avó. Arranca así unha convivencia que terá as súas luces e as súas sombras. Na dos Fiúza, non obstante, as cousas son moi distintas. Evaristo por fin lle plantou cara a Santos: nunca haberá negocios entre eles. O futuro anuncia enfrontamento entre ambos os dous e este non pode acabar ben. Igual que a relación co seu fillo Román, que xa non sabe que facer para gañar a confianza do seu pai.
Román e Roque son agora socios, pero Evaristo non o sabe. O fillo de Fiúza e o home de María decidiron asociarse para montar o seu propio negocio: un viveiro, un modo de vida propio para non ter que renderlle contas a ninguén e que para Román supón ademais a posibilidade de liberarse do peso que supón apelidarse Fiúza en Serramoura. No cuartel, Tomás decidiu dar un paso máis na investigación do asasinato de Araceli Marín. O seu obxectivo é o xuíz instrutor do caso e indutor do asasinato da moza prostituta. A Garda Civil ten un problema grave e o seu nome é Diego Bazán. O sarxento foi suspendido por Asuntos Internos e a investigación podería pór en perigo os dous casos en que traballou na vila: os de Mónica Triáns e Araceli Marín. Só hai dúas alternativas: conseguir o vídeo, en mans de dona Teresa, ou coller a Gonzalo antes de que chegue a Portugal. Este fuxiu do cárcere coa axuda de Santos e do xuíz que instrúe a súa causa. Na casa dos Fiúza, as cousas melloraron entre Evaristo e o seu fillo, do que agora se mostra moi orgulloso, tras a impresionante competición no monte da que ambos os dous foron protagonistas. Pero hai unha cousa que Evaristo aínda non puido resolver: a venda fraudulenta de varios dos seus camións, supostamente ordenada por Román.
O traballo nos montes de Serramoura realízase agora escopeta en man e os límites entre propiedades xa non os marcan os rexistros, senón Evaristo e Santos en persoa. Unha situación extrema que só pode acabar mal, xa que en Serramoura mesturar escopetas e conflitos de lindes supón demasiado perigo, mesmo para a Garda Civil. Tras pasar por unha investigación por parte de Asuntos Internos, o antes sarxento Diego Bazán foi apartado da Unidade de Investigación. A partir de agora será un garda máis do posto de Serramoura e desenvolverá o seu labor con uniforme, lonxe do traballo que lle gusta. Unha sanción moi leve, se se ten en conta que estaba en xogo a súa expulsión da Garda Civil. Raquel tivo por fin o seu bebé. Unha grande alegría para todos en Serramoura, pero moi especialmente para dona Teresa, avoa do pequeno, inmersa aínda no duelo pola morte do seu fillo.
Gloria está perdida. Evaristo sábeo todo: o seu plan para quedar co seu patrimonio, as súas argucias para enfrontalo co seu fillo Román e ata a súa alianza con Hugo, xa que el mesmo llo confesou. Quédalle algunha oportunidade á muller de Fiúza ou está todo perdido xa? Que lle pode deparar o destino a Gloria lonxe de Evaristo? En casa dos Neira, acaban de descubrir o talento oculto de Álex: a moza descubriuse como unha intrépida cronista. O problema é que cando escribe dispara contra todo o mundo e logo pregunta. Os primeiros destinatarios dos seus “dardos” serán os axentes da Garda Civil de Serramoura, pero Álex ten tinta para todos. Isto provoca un novo conflito nunha casa onde parecía que, por fin, reinaba a tranquilidade. A Garda Civil evitou un baño de sangue na vila, ao conseguir, coa pública mediación de Evaristo e Santos, o aparente desarmamento dos homes de Serramoura. As armas foron requisadas e parece que a paz volveu aos montes. Pero un novo caso recaeu no posto do tenente Tomás Penedo: un ladrón de gando está a sementar a discordia de novo entre os veciños. Non tardarán en volver aparecer as armas de fogo e o ánimo de vinganza.
Chega un novo caso para os axentes da Garda Civil. Os elementos deste caso son unha parella de senderistas e un accidente que, de maneira pouco probable, se converte en traxedia. Unha desaparición e unha terrible noticia. E o que é peor: non é a primeira vez que sucede. Unha psicóloga especializada en perfís perigosos será destinada a Serramoura. A súa función será axudar en todo o posible na investigación. Cada minuto conta ao enfrontarse a un secuestrador, especialmente cando hai a certeza de que a súa intención é matar. Os axentes contan con moi pouco tempo para pescudar demasiadas cousas. O negocio da madeira en Serramoura tomou novos camiños. Santos, á fronte do serradoiro máis poderoso dos arredores, recibirá unha visita inesperada. O capo, agora disfrazado de home de negocios honrado, recibirá unha proposta tan deshonesta como irresistible.
Silvia Pardo, a filla pequena de Roque e María, foi secuestrada e o tempo corre en contra dos axentes da Garda Civil. O secuestrador é un vello coñecido das forzas de seguridade porque actuou anteriormente e sempre co mesmo desenlace: a morte da súa vítima. A intervención da sarxento Inés Carro permítelle á Garda Civil saber moitas cousas do criminal, pero falta o máis importante: descubrir a súa identidade. Os axentes só teñen unha oportunidade para dar co secuestrador, xa que seguiu as mesmas pautas en todos os seus ataques, incluíndo a tortura psicolóxica da familia da vítima. Pero para iso ten que establecer contacto con Roque e a súa muller. María séntese culpable do sucedido e axiña será o seu home quen lle recrimine os seus actos. Se non fose pola súa visita a Evaristo Fiúza, a súa filla non tería emprendido o camiño de volta a casa soa. A familia Fiúza vive con especial proximidade o secuestro de Silvia. Evaristo porque comparte o sentimento de culpa de María; e Román pola amizade que o une á familia desde que se asociou con Roque, pero especialmente coa súa filla Elena, algo que non lle acaba de gustar á súa moza Álex. Santos parece ser o único habitante de Serramoura que pasa por un bo momento. Foi elixido “Empresario emerxente do ano”, algo moito máis importante que unha simple campaña de mercadotecnia. Detrás do premio agóchase unha complexa e rendible manobra vinculada ao branqueo de capitais.
Roque ten que elixir entre a vida da súa filla e a da súa muller. Pero iso non é todo, xa que a persoa que mantén secuestrada a Silvia quere que María morra a mans do seu propio home. O matrimonio recibe a mensaxe no peor momento posible. Os axentes aférranse á única pista que teñen. Nunha das comunicacións co secuestrador, parece escoitarse un leve ruído de motoserras e unha árbore caendo. Unha única vía de investigación e dous modos moi distintos de traballar: por un lado, o da sarxento Inés Carro, e polo outro o de todos os axentes de Serramoura. Gloria busca agora un medio para gañar a vida. O seu enfrontamento co seu ex marido pechoulle todas as portas da localidade, salvo a do serradoiro de Santos. O peor inimigo da súa ex parella podería converterse no seu mellor aliado.
Anxo, o secuestrador de Silvia Pardo, está morto. A responsable é a sarxento Inés Carro, que desde un principio primou o seu desexo de capturar ao que un día foi o seu secuestrador fronte á liberación da filla de Roque e María. Santos e Pancho tiveron a oportunidade de deter ao asasino en serie e, con todo, ante a posibilidade de que o serradoiro fose rexistrado pola Garda Civil, optaron por deixalo ir. Agora, seguros de que o home ao que tiñan no seu poder era o secuestrador, temen as consecuencias dos seus actos. Silvia, a nova secuestrada, segue en paradoiro descoñecido. Encadeada e sen auga nin comida, os axentes da Garda Civil temen que non sobreviva moitas horas máis. Non teñen pista algunha que seguir, só as poucas pertenzas que o secuestrador levaba enriba no momento da súa detención. Gloria e Santos fortalecen a súa alianza. Ela quere controlar ao agora gran empresario da comarca e úneos o seu desexo de vingarse de Evaristo Fiúza.
Aparece un cadáver soterrado nos montes da vila. Son os restos dun crime que parece que se produciu hai uns 30 anos e do que ninguén na localidade tivo noticia xamais, ninguén salvo o asasino. A identidade da vítima conmociona Serramoura. Trátase de Carmen Varela, a nai de Marga e de Raquel e a muller de Moncho, a quen todo o mundo supoñía fuxida dun marido alcohólico. Por que a asasinaron? Que sucedeu 30 anos atrás? Preguntas para as que os homes do tenente Penedo teñen que achar respostas con poucas pistas e moi desgastadas polo tempo. Mentres a Garda Civil investiga o caso, Evaristo e dona Teresa conspiran para acabar con Santos, o seu inimigo común. Dona Teresa quere recuperar o negocio do seu home, o serradoiro dos Soutelo. Evaristo, acabar co seu peor inimigo e o último na lista de amantes da súa ex-muller.
Continúa a investigación que mantén en albas aos membros do Cuartel de Serramoura: descuberto o cadáver da nai da sarxento Neira e a súa irmá Raquel, toca pescudar quen é o asasino. Un asasinato cometido hai máis de trinta anos. Un crime que dinamita a fráxil paz da localidade. Raquel e Marga deben retornar ao ano 1982 e buscar no pasado dos seus veciños, dos seus amigos. Unha viaxe no tempo que revela segredos, mentiras e miserias, entre os que se atopa a clave para dar co asasino da súa nai.
Unha perigosa banda de asaltantes de casas non tardan en dar coa máis rechamante de Serramoura: a de Evaristo Fiúza. No seu asalto, os violentos delincuentes farán de Evaristo, Román e Gloria os seus reféns. A Garda Civil non tarda moito en descubrir a situación. É un caso moi complicado para os homes de Tomás Penedo, non só polo perigo dos delincuentes aos que se enfrontan, senón porque se trata das vidas dalgúns dos veciños máis coñecidos da vila.
Evaristo pídelle axuda a dona Teresa para pagar o rescate do seu fillo. A negativa da viúva de Soutelo marcará un antes e un despois entre os dous veciños máis poderosos da vila. Esgotadas todas as vías “razoables”, a Fiúza non lle quedará máis remedio que tratar de resolver a situación ao seu xeito. E o seu xeito implica un gran risco para el e para Gloria e Román, aínda reféns dos atracadores.
A resolución do secuestro dos Fiúza rematou coa morte dun dos secuestradores, os irmáns Rial. Iago, o único sobrevivinte dos dous atracadores, clama vinganza. O seu obxectivo: acabar coa vida da sarxento Marga Neira. Só o seu compañeiro, o sarxento Diego Bazán, pode protexela. Os habitantes de Serramoura afrontan unha nova fatalidade: o incendio do viveiro. Pero o que parece un accidente é en realidade o resultado dun acto desesperado por parte de Roque, un dos propietarios. Unha acción que podería acabar coa vida da súa propia filla, Elena, e que axiña espertará as sospeitas da Garda Civil.
Raquel chegou ata o final na súa investigación sobre o pasado da súa nai. E, para a súa sorpresa, foi dona Teresa quen lle facilitou as pezas que faltaban na súa historia. As irmás Neira teñen a oportunidade de escoitar a voz da súa nai a través dunhas vellas gravacións das sesións que no seu día gravou o seu psiquiatra. Tremendamente doloroso é tamén polo que está a pasar Luz: vítima dun terrible crime, debe facerlle fronte a unha dura investigación. Unha misteriosa carta chega ao posto da Garda Civil, unha máis do posible asasino de Carme Varela, esta vez para exculpar a Moncho, o marido da vítima. Para os Fiúza tamén se complican as cousas. Afectados os seus terreos polo Plan Natura, Evaristo necesita buscar novas explotacións forestais, pero tópase, unha vez máis, co mesmo problema: Teresa Soutelo.
A familia Pardo abandona definitivamente Serramoura. Roque decidiu cederlle a súa parte do negocio a Román e pechar este capítulo da súa vida. A súa muller, María, diralle adeus para sempre a Evaristo, quen foi o seu amor de mocidade. Gloria cre descubrir que Evaristo é o asasino de Carme Varela. Pero, se así é, por que o fixo? Sexa como sexa, a resolución deste misterio está en mans de Evaristo. E, no medio da investigación, Álex regresa á vila. Pero faino ás agachadas, quizais guiada polo seu instinto xornalístico. En que está a traballar a filla de Raquel e Pancho? Que pode ser tan secreto que lle impida, agora que está en Serramoura, visitar á súa propia familia? Moitas cousas cambiaron desde que a moza marchou. E entre as novidades atópase o novo emprego de Santos, que agora traballa para don Amancio, o párroco de Serramoura. Unha estraña alianza que pode ter consecuencias inimaxinables. Alleo a todo isto, Hugo, o home de confianza de Evaristo Fiúza, atópase detido e á espera de xuízo pola suposta violación de Luz, a camareira da taberna.
Álex foi asasinada. O seu cadáver apareceu nos bosques da vila e a escena do crime anuncia unha investigación complexa e tortuosa. Sabéndoo, o tenente Penedo quere apartar a Marga, tía da vítima, do caso. Pero a sarxento Neira amosarase firme na súa decisión: ela mesma será quen encerre o asasino da súa sobriña. Pero, que facía Álex en Serramoura e por que non avisou a ninguén da súa visita? Esta é a primeira das moitas preguntas que terán que responder se queren facerlle xustiza a Álex. Mentres tanto, Santos segue a traballar para don Amancio, o párroco de Serramoura. Unha parella imposible obrigada a entenderse e que terá no serradoiro de Teresa Soutelo o seu primeiro gran conflito. Quen gañe a batalla marcará a pauta na súa relación.
As alianzas en Serramoura son tan imprevisibles como pouco duradeiras. Agora Santos converteuse en provedor do serradoiro en mans de Gloria, á que fornece madeira. Pero parece que hai algo en que non conseguiron chegar a un acordo: ambos os dous teñen criterios moi distintos sobre a precisión coa que pesa a báscula do serradoiro. Detrás, como non, está Santos, personaxe obsesionado cunha soa cousa: o diñeiro. Mentres, un novo personaxe aparece en escena: o alcalde de Serramoura, Rogelio Fidalgo. Próximas as eleccións, trata de establecer novas alianzas, neste caso con Evaristo Fiúza. Pero o problema é que Evaristo non está afeito a estar á sombra de ninguén. Por non falar dun pequeno detalle: non soporta a Rogelio.
Rogelio Fidalgo quere a Evaristo na súa lista para a reelección. Con todo, Teresa Soutelo faralle axiña unha proposta máis ambiciosa: encabezar a súa propia candidatura, optar a ser o próximo alcalde. No caso polo asasinato de Álex, a Garda Civil atópase tras a pista de Lucas, principal sospeitoso do crime. Ademais, a investigación deu un xiro inesperado coa localización do posible escenario do crime: a igrexa parroquial. Un elemento máis fará a súa aparición: Peixe. O peculiar delincuente, moi coñecido polos axentes de Serramoura, di atopar, casualmente, a cámara de fotos da moza. Quizais a memoria garde algunha pista do seu asasino.
O caso do asasinato de Álex segue cheo de preguntas sen resposta. Quen matou a Lucas é a última delas. Unha peza máis no crebacabezas en que se está transformando a investigación. Outra peza atoparana Raquel e Pancho, os pais de Álex, que, na súa obsesiva cruzada por facerlle xustiza á súa filla, conseguen información moi valiosa, crucial, da que non dispón a Guardia Civil. Que farán con ela? O problema é que Raquel quere tomarse a xustiza pola súa man. E, para ela, a xustiza farase cando morra o asasino da súa filla, se é posible, da súa propia man. Mentres, don Amancio, párroco de Serramoura, intenta conseguir que o seu sancristán o libere do peso dunha confesión que segue a ser un misterio para o espectador, pero que pode acabar co fráxil equilibrio que se estableceu na vila tras o asasinato de Álex. E, no medio de tanto balbordo, dona Teresa orquestra a campaña política de Evaristo Fiúza. Este dedica o seu tempo a convencer os veciños máis influentes para que se unan á súa lista electoral, pero fáltalle o máis importante: atopar a persoa apropiada para que sexa o seu brazo dereito, o número dous na súa candidatura á alcaldía.
Don Amancio, o párroco da vila, vive torturado polo segredo de confesión. O seu sancristán fíxoo partícipe do peor dos relatos e a súa condición de sacerdote obrígao a calar. O cura desexa abandonar a vila, pero a súa marcha prexudicaría seriamente a Santos, que non pensa deixar escapar un dos seus mellores negocios. Co anuncio da posible marcha de Don Amancio, comeza a loita polos terreos da parroquia. Vender ou deixar a Santos á fronte? Que será o correcto? Ao párroco preocúpalle unha soa cousa: o benestar dos seus traballadores. Mentres, a Garda Civil parece pechar o círculo de sospeitosos na súa investigación da morte de Álex. Catro homes sentados arredor dunha mesa e todos con algo que calar. Só queda esperar a que un deles diga a primeira palabra. Será o párroco, o vigairo, o sancristán ou o anticuario? Mentres tanto, Evaristo Fiúza presenta formalmente a súa candidatura á alcaldía de Serramoura, con Teresa Soutelo como valedora e única fonte de financiamento, un xogo perigoso que pode ter consecuencias insospeitadas.
Román Fiúza ataca a Quique, o Garda Civil máis novo do cuartel, sen motivo aparente. O fillo de Evaristo xa está en prisión á espera de xuízo. Pero Quique sospeita que detrás do estraño e violento comportamento de Román atópase algo máis. Sabedor do que é capaz, teme o peor. Mentres, o caso do asasinato de Álex deu un xiro inesperado: Pepe, o sancristán de don Amancio, confesou o asasinato da moza, pero aos axentes do tenente Penedo hai algo que non lles cadra na súa historia e cren que se trata dunha cortina de fume. Están convencidos de que Pepe encobre ao verdadeiro asasino da sobriña de Marga. Por outro lado, deu comezo a campaña electoral en Serramoura e fíxoo con senllas campañas de descrédito cruzadas entre os dous candidatos: Evaristo Fiúza e Rogelio Fidalgo. O que non imaxinan os protagonistas é que algúns dos seus poderían non ser tan fieis como eles imaxinan.
Chegou o momento do gran mitin final da campaña de Evaristo contra Rogelio Fidalgo. Teresa Soutelo encárgase de organizalo todo; ela ten o diñeiro e ela decide, unha situación que desespera a Evaristo, pero coa que traga. Á fin e ao cabo, é a única vía para recuperar o poder social e económico do que antes gozaba o apelido Fiúza. Pero, cal será o prezo a pagar? Mentres tanto, a Garda Civil investiga unha vaga de roubos de vehículos, un caso que se presentará como a acción duns delincuentes de pouca sona e que se complicará de maneira insospeitada ao implicar algún dos veciños máis conflitivos da vila. E, tratándose de Serramoura, este veciño ten nome: Santos. Ademais, Santos decatouse, a través de Tino, do negocio deste con Hugo. Negocio que, polo ben de ambos os dous, manteñen ás costas de Evaristo. Santos, coñecedor desta circunstancia, intentará sacarlle partido, pero nin Pancho nin Hugo pensan ceder.
Tino Moreira aparece asasinado dentro do maleteiro do seu propio coche. O vehículo, roubado por un grupo de delincuentes de pouca monta, acabou nun taller de despezamento. É evidente que os ladróns descoñecían a existencia do cadáver, polo que a Garda Civil deberá seguir outras liñas de investigación. Mentres, no serradoiro, Gloria busca o apoio de Raquel para acabar cos abusos de dona Teresa, pero a administrativa non confía na ex-muller de Evaristo Fiúza. A viúva de Soutelo tendeulle unha trampa a Gloria para recuperar a propiedade do negocio familiar. En Serramoura os ánimos están caldeados. O xuíz deixou en liberdade provisional a Ramiro, o home que violou a Luz. Ela vive con indignación e moito medo cada visita do seu agresor á taberna. Son varios os veciños da vila dispostos a facer xustiza pola súa conta para protexer a camareira. Os membros da Garda Civil non o terán nada fácil para asegurar a integridade física do delincuente. E neste ambiente tan enfermizo, en plena investigación por asasinato e cos veciños indignados pola posta en liberdade dun violador, chega o día das eleccións municipais. As sondaxes non apuntan nada ben para Evaristo Fiúza, o único home capaz de plantar batalla a Rogelio Fidalgo, o alcalde en funcións.
Os accidentes laborais no monte son demasiado frecuentes, pero atopar un cadáver, o dun cuadrilleiro ilegal esmagado por unha árbore, xa non é tan habitual. Por iso, a primeira hipótese que manexan Marga e Diego é a do homicidio. A cousa complícase cando os investigadores se decatan de que o corpo apareceu nos montes da parroquia, xestionados por don Amancio e traballados por Santos. Contra todo prognóstico, Evaristo é o novo alcalde de Serramoura e unha das primeiras medidas que vai tomar será a de revisar todos os caixóns do Concello. O novo rexedor quere poñerse ao día sobre as cuestións máis importantes para o seu municipio. Para iso terá que contar coa colaboración dos funcionarios, que non llo van poñer nada doado. O recibimento por parte dos empregados non vai ser bo, xa que consideran que hai certos asuntos que é mellor non remover. Exactamente, os asuntos que Evaristo quere remover. O seu obxectivo é levar por diante a Rogelio e a dona Teresa. Mentres tanto, Hugo e Pancho están moi ocupados tratando de facer negocios ás costas de Evaristo. Pola súa parte, Martín, o sobriño de Teresa Soutelo, parece estar interesado en Raquel, algo que non lle fará demasiada graza ao seu ex-marido.
Marga, Diego e Quique comezan a investigación para atopar ao culpable do crime máis cruento acontecido ata o momento en Serramoura: o asasinato de tres membros da familia Piñeiro. Os sospeitosos non tardan en aparecer na contorna da escola dos fillos dos Piñeiro. Mentres tanto, Evaristo estase a facer co control e funcionamento do Concello, a pesar dalgúns dos traballadores herdados do goberno anterior.
Tras a impresión que produciu no cuartel de Serramoura o caso dos Piñeiro, Marga e Diego xa dan pequenos pasos na resolución do caso. Agora mesmo teñen tres sospeitosos: Camilo, o director da escola; Aurora, a profesora dos nenos, e Marcial, un suposto amigo da familia. Pero, ao chegar os resultados das autopsias, a investigación sofre un novo revés. Mentres tanto, Olaia, a única supervivente do masacre, segue aos coidados da familia Neira. Raquel non lle quita ollo á pequena, pero Moncho non está moi conforme con que viva con eles, xa que sofre moito coa lembranza de Álex. En canto á poxa dos montes comunais, os posibles compradores están a buscar os cartos. Gloria non quere perder a ocasión de facerse cos montes do cura e non dubida en falar con Evaristo. Co que non contaba é co seu rexeitamento, o que fará que recorra a Rogelio, ex-alcalde de Serramoura e inimigo declarado do seu ex-marido. Pola súa parte, Santos sabe que precisa algún socio para entrar na poxa, pero ninguén en Serramoura está disposto a facelo, ou pode que si?
Evaristo, Teresa, Gloria, Rogelio e Santos intentaron facerse cos montes do cura, pero só este último o conseguiu, para o que contou coa inestimable axuda da mafia rusa. O que podía converterse nunha convivencia pacífica desemboca en numerosos enfrontamentos entre os rusos e os habitantes da vila. Pero Evaristo non o vai consentir e loitará contra eles, pois para algo é o alcalde. Non obstante, no seo dos rusos tamén hai problemas. Santos non está conforme coa participación que ten na súa empresa con eles e aproveitará calquera ocasión para expresalo. Mentres tanto, no cuartel teñen dúas liñas de investigación para resolver o asasinato da familia Piñeiro.
A morte de Sokolov non levará a calma a Serramoura. Primeiro, porque a Garda Civil xa está a pleno rendemento coa investigación dos Piñeiro e, en segundo lugar, porque está moi claro que os rusos buscarán vinganza. As primeiras indagacións sinalan a Evaristo como principal sospeitoso do asasinato, pero, tras o minucioso traballo da Garda Civil, axiña quedará descartado. Porén, non poderá quedar tranquilo porque Diego Bazán recibe aviso de que dous sicarios van de camiño a Serramoura para acabar coa vida do alcalde, polo que Tomás non dubidará en ofrecerlle a súa protección.
A Evaristo ábrenselle varias frontes: Por unha parte, coa morte dos sicarios que o perseguían, ten que defenderse da acusación de homicidio. Porén, cando a Garda Civil se pon a investigar o caso, os corpos dos finados desaparecen e, pese á súa incredulidade, o tenente Penedo non ten máis remedio que poñelo en liberdade. Por outro lado, o alcalde de Serramoura recibe unha inesperada visita na súa casa: Micaela Morais, a nova xefa da mafia rusa en Serramoura, que chega cunha misión moi clara á vila: conseguir o serradoiro custe o que custe.
Aparece un cadáver na vila e todo apunta a un suicidio: Xurxo non viu outra maneira para poñer fin ás súas débedas máis que aforcarse. Polo menos iso é o que di a teoría. Despois das primeiras indagacións, Marga ten en mente outra teoría: a dun homicidio. Tomás non a desbotará logo de escoitar varias mensaxes de voz de Xurxo pedindo axuda, pois temía pola súa vida. Por outra parte, Diego Bazán volverá ocupar o seu posto de sarxento no cuartel de Serramoura tras a suspensión á que fora sometido polos seus métodos. O seu comportamento, porén, seguirá espertando moitas sospeitas entre os compañeiros do cuartel.
Diego e Marga seguen inmersos na busca dos tres madeireiros que supostamente acabaron coa vida de Xurxo e roubaron a droga dos rusos. O rastro que atoparon no monte revela que foron secuestrados, pero por quen? O avance na investigación pon nerviosa a Micaela, que, decidida a pararlles os pés aos sarxentos, vai poñer en marcha un plan para asustalos. Pero os problemas na vila seguen afectando á súa forma de vida. Fartas do bloqueo que sofre o serradoiro, Gloria e Raquel deciden tomar a iniciativa e falar cos madeireiros da vila para convencelos de que lle subministren ao serradoiro. Pero Santos non lles vai poñer as cousas doadas e, co visto e prace de Micaela, ameazará a todo aquel que lles leve madeira. Mentres tanto, Evaristo ten un plan en mente. Coa súa influencia no concello, quere vender os montes comunais á empresa de Pancho e Hugo.
Os rusos enviáronlle unha mensaxe moi clara a Marga e a sarxento non dubidou en tomar nota. Pero se antes tiña ganas de deter a organización, agora, ao poñer en perigo a súa familia, converteu a súa misión nun asunto persoal. Cando Marga avisa no cuartel do sucedido, Diego non tarda en sospeitar que Clara pode estar metida no allo. Estará involucrada neste feo asunto a alférez Durán? Pero a maior das sorpresas chegará cando fale directamente con ela, xa que lle revelará algo que o vai deixar coa boca aberta. No serradoiro as cousas tamén andan revoltas. Gloria e Raquel reciben unha denuncia pola contaminación que produce a empresa. A pesar de que a denuncia é infundada, a actividade no serradoiro ten que suspenderse, polo que terán que buscar unha solución. Pola súa parte, Teresa está decidida a acabar con Evaristo e non dubida en poñer en práctica o seu novo plan para conseguilo. Semella que o final do alcalde está moi preto. Mentres tanto, Micaela encárgalle a primeira misión a Román: levar un cargamento de droga a Asturias. A pesar do trato que fixo, o pequeno dos Fiúza dubida da palabra de Micaela, o que pode poñer en perigo o transporte.
O traslado que tiñan que facer os sarxentos Neira e Bazán non podía saír peor. Os rusos, emboscados, atacaron o coche patrulla mentres Diego intentaba facer fronte aos disparos. Marga fuxirá cara ao monte para protexer a Benigno, pero unha bala perdida fere o sospeitoso nunha perna e a fuxida farase lenta e difícil. A noticia do ataque non tarda en chegar ao cuartel de Serramoura e Tomás pon inmediatamente en marcha un dispositivo para atopar a Marga e a Benigno e asegurar así a súa supervivencia. Tamén chegou aos oídos de Micaela que o seu plan para acabar cos sarxentos non foi efectivo, polo que envía aos seus sicarios ao monte para rematar o traballo. Mentres tanto, Evaristo segue co seu plan de entregarlle os montes comunais á empresa de Hugo e Román e non ten intención de renunciar á alcaldía, tal e como lle esixira Micaela. Para a xefa dos rusos a actitude de Evaristo é inadmisible e non dubidará en ameazalo para conseguir os seus propósitos. Pero non é o único problema para Micaela. Santos ofreceulle unha información moi valiosa: a identidade dos responsables do asalto a Román. Co obxectivo de recuperar o que é dos rusos, Micaela encárgalle unha nova misión a Román, aínda que isto supoña a morte dos rapaces. Pola súa parte, Moncho e Raquel vivirán a busca de Marga como un auténtico pesadelo. Por iso a súa irmá non dubidará en suplicarlle a Micaela que non acabe coa súa vida.
Marga continúa en problemas. E é que atopar unha chea de sangue na casa de Toño e que Inés estea desaparecida non son novas de bo agoiro. Por outra banda, no cuartel, Diego e Quique teñen pistas sobre o caso de Fernando, e todo apunta a que os seus amigos tiveron algo que ver na súa morte. Despois de conseguir que Evaristo e Raquel romperan, dona Teresa céntrase en impedir que o novo serradoiro comece a súa actividade.
A sarxento Neira xa está en prisión e as probas que están saíndo á luz sobre a desaparición de Inés son irrefutables. Marga atópase nunha situación en que é difícil defender a súa inocencia. Mentres, Tomás e Diego están facendo todo o posible por dar cunha pista que a axude a probar a teoría de que todo é unha trampa.
Os esforzos que se fixeron nos últimos días no cuartel de Serramoura para poñer en liberdade a Marga están dando resultados. Bea e Quique atoparon unhas imaxes que proban que Inés continúa con vida, polo que Tomás fará unha chamada esixindo a liberación da sarxento Neira. Con todo, uns piratas informáticos teñen como obxectivo realizar un ataque contra os datos almacenados no cuartel, o que porá en perigo todas as investigacións.
Marga fugouse da prisión, pero a súa situación non mellorou. De feito, a organización secreta que quere acabar con Bolaño séguelle a pista moi de cerca e a súa vida segue a correr perigo. No cuartel, Diego está cada vez máis desesperado intentando atopar unha solución á situación de Marga e comeza a ver sospeitosos por todas partes, incluso entre os seus compañeiros. Mentres tanto, o caso das Alicia sufriu un novo revés.
O plan de Marga para enganar á tenente Cerqueiro e quedar libre sen matar a Bolaño parece que funcionou, e todo indica que a normalidade está a piques de volver á vida da sarxento Neira. Pero Cerqueiro é can vello e non quere deixar cabos soltos. Esta semana en Serramoura faralle unha proposta a Marga. Mentres tanto, Diego e Quique conseguiron que a suposta Alicia comece a contar a verdade e xa teñen algo máis de información para atopar o lugar no que Elías mantén retida a Noa. Bea non dubida en tomar boa nota e informar tanto a Cerqueiro coma a Abel dos movementos de Diego e Quique. Pero cando Bea non consegue contactar con Abel sabe que algo vai mal e non dubida en actuar pola súa conta. Na vila, o prestixio dos Soutelo está polo chan. A manobra de Evaristo foi todo un éxito e Teresa non se recuperou da traizón de Hugo. O que non é quen de imaxinar é que a noticia vai afectar de xeito especial ao serradoiro. Mentres tanto, Gloria segue adiante co negocio que ten entre mans e para iso chega o seu socio a Serramoura, Mateo.
Cerqueiro segue empeñada en acabar coa sarxento Neira e co sarxento Bazán, pero non o vai ter doado. Marga e Diego conseguiron poñerse a salvo e gañar algo de tempo para pensar como saír desta. Contan cun aliado de excepción: Peixe. No cuartel, todos os efectivos están baixo as ordes de Cerqueiro cunha misión moi clara: atopar e deter a Marga e a Diego. E isto afecta directamente ao caso das Alicias. Mentres tanto, Bea recupérase da agresión que sufriu de Elías, e ten moi presente que o que toca é fuxir. Pero antes ten que axudar a Abel, gravemente ferido. Na vila, Marga consegue falar con Raquel e poñelos en alerta: corren un grave perigo e teñen que fuxir sen pensalo nin un segundo. Rápidamente, Raquel e Moncho buscan axuda, e non dubidan en acudir a Evaristo. Pero en Serramoura as cousas só poden empeorar.
Tras o tráxico desenlace do último capítulo, coa morte de Marga, Serramoura convértese nunha vila en que os criminais sementan o caos, perturbando a vida de todos os veciños. Os Neira están a revivir a dor que pasaron coas outras traxedias da familia, pero cada quen polo seu lado. Raquel marchou con Ramón para a cidade e Moncho non consegue erguer o ánimo.
Rivas prepara unha terapia de choque para que Diego volva ser o axente cabal que era antes da morte de Marga. Pola súa banda, Tomás segue facendo e vendo cousas que non teñen sentido e, nesta ocasión, presenza un tiroteo no río. Ademais, logo de que o plan de Gloria para afundir a Teresa e Evaristo saira á perfección, será a nova madeireira estrela de Serramoura. Pola contra, o resto de forzas vivas pasan por un dos peores momentos da súa vida. Evaristo perdeu cartos a esgalla e Teresa está tan afundida na miseria que non pode facer fronte ás débedas. Santos non desaproveitará a ocasión para propoñerlle un negocio.
Quique descobre que a persoa que alugou o coche a nome de Tomás é coxa e, cando intenta contactar co afectado, encontra unha nota de suicidio que parece ser do propio Tomás. No cuartel ninguén considera que tivese motivos para acabar coa súa vida, agás Rivas, que lles dá un ultimato a Diego e Quique: se non atopan nada novo del, darao por morto. O que non saben é que Tomas segue vivo. Atrapado na sala de festas é testemuña directa do plan de Ricardo para acabar con el e co seu antigo equipo. Na vila, Evaristo sorpréndese cando Hugo o informa de que roubaron a madeira do monte infectada polo nematodo e sospeita que Teresa ten algo que ver. Por outra parte, como a conexión entre Santos e Rivas, o amor continúa. Tras pasar unhas horas na vila, Raquel volve á cidade, onde un compañeiro a convida a unha cea romántica.