O plan de Marga para enganar á tenente Cerqueiro e quedar libre sen matar a Bolaño parece que funcionou, e todo indica que a normalidade está a piques de volver á vida da sarxento Neira. Pero Cerqueiro é can vello e non quere deixar cabos soltos. Esta semana en Serramoura faralle unha proposta a Marga. Mentres tanto, Diego e Quique conseguiron que a suposta Alicia comece a contar a verdade e xa teñen algo máis de información para atopar o lugar no que Elías mantén retida a Noa. Bea non dubida en tomar boa nota e informar tanto a Cerqueiro coma a Abel dos movementos de Diego e Quique. Pero cando Bea non consegue contactar con Abel sabe que algo vai mal e non dubida en actuar pola súa conta. Na vila, o prestixio dos Soutelo está polo chan. A manobra de Evaristo foi todo un éxito e Teresa non se recuperou da traizón de Hugo. O que non é quen de imaxinar é que a noticia vai afectar de xeito especial ao serradoiro. Mentres tanto, Gloria segue adiante co negocio que ten entre mans e para iso chega o seu socio a Serramoura, Mateo.