Tino Moreira aparece asasinado dentro do maleteiro do seu propio coche. O vehículo, roubado por un grupo de delincuentes de pouca monta, acabou nun taller de despezamento. É evidente que os ladróns descoñecían a existencia do cadáver, polo que a Garda Civil deberá seguir outras liñas de investigación. Mentres, no serradoiro, Gloria busca o apoio de Raquel para acabar cos abusos de dona Teresa, pero a administrativa non confía na ex-muller de Evaristo Fiúza. A viúva de Soutelo tendeulle unha trampa a Gloria para recuperar a propiedade do negocio familiar. En Serramoura os ánimos están caldeados. O xuíz deixou en liberdade provisional a Ramiro, o home que violou a Luz. Ela vive con indignación e moito medo cada visita do seu agresor á taberna. Son varios os veciños da vila dispostos a facer xustiza pola súa conta para protexer a camareira. Os membros da Garda Civil non o terán nada fácil para asegurar a integridade física do delincuente. E neste ambiente tan enfermizo, en plena investigación por asasinato e cos veciños indignados pola posta en liberdade dun violador, chega o día das eleccións municipais. As sondaxes non apuntan nada ben para Evaristo Fiúza, o único home capaz de plantar batalla a Rogelio Fidalgo, o alcalde en funcións.