Carmela e os seus dous fillos diríxense á vila de Miranda pasar a fin de semana co tío Alfonso, veterinario, recentemente xubilado. Carmela acaba de divorciarse e, despois de moitos anos de ausencia, encóntrase de novo coas xentes coas que compartira momentos importantes da súa infancia e adolescencia. É día de feira, e mentres Carmela pasea co seu tío, Brais e Bea, cada un polo seu lado, coñecen aqueles que lles van facer cambiar de opinión, xa que viaxaran a Miranda en contra da súa vontade e só pensaban en regresar a Vigo. Brais fai das súas no ciber e na propia igrexa, gañando inmediatamente as simpatías dos seus novos amigos. Bea coñece, a causa dunha das súas habituais meteduras de pata, a Fuco, e entre eles xorde unha atracción mutua. Cando xa ían camiño da cidade, unanimemente, nai e fillos deciden regresar e quedar a vivir en Miranda.
A mudanza xa é un feito, e Alfonso ve invadida a súa casa de novos e modernos aparellos; tío e sobriños, deben adaptarse á nova vida. É o primeiro día de traballo para Carmela, así como para Brais no colexio e para Bea no instituto. Carmela non só ten que gañar a confianza dos veciños para exercer de novo como veterinaria, senón que tera que enfrontarse a Silvino, quen, a pesar da súa experiencia cos animais, non ten titulación e acúsaa de intrusismo. Por se fose pouco, Bea non entra con moi bo pé no instituto; ademais acaba descubrindo que Fuco ten moza. Carmela e Silvino discuten polo traballo, e Bea enfróntase a Fuco nun duelo musical. Por outra parte, Brais, que atopara bos compañeiros de falcatruadas, gástalle unha pesada broma á mestra, cunha cabeza de xabaril que o tío Alfonso gardaba como trofeo de caza.
Establécese a complicidade entre o tío Alfonso e Brais para recuperar a cabeza do xabaril. Amador, o cura, reclama o trofeo de caza, que comparte con Alfonso desde hai moitos anos, e cuxa historia ten unha versión diferente segundo a conta o párroco ou Alfonso. Carmela terá que enfrontarse a unha broma pesada de Silvino, que a envía xunto a un can perigoso. Silvino fixera apostas no bar, pero a veterinaria será quen de enfrontarse aos seus problemas. Así mesmo, aconsella a súa filla que demostre o moito que vale, e Bea acaba formando parte do grupo musical de Fuco. Tamén Alfonso, xunto con Brais, consegue resolver o seu problema e entregarlle a cabeza do xabaril ao cura. Antón, pola súa parte, non abandona a cooperativa, rexeitando o dubidoso traballo que Félix lle ofrecía.
Carmela pouco a pouco vai gañando a confianza da xente, pero un episodio que toma á lixeira vai dar marcha atrás nas súas relacións cos veciños. Brais atopa un can ao que chamará Lucas, pero resulta ser o alcume dunha familia da vila. Inmediatamente, Emilio "Lucas", moi ofendido, pasea por toda Miranda cunha porca á que chama Carmela. A veterinaria é advertida polo seu tío de que hai cousas en Miranda que non se poden tomar á lixeira; os seus fillos poden herdar o alcume de "cocha" para toda súa vida. Carmela non pode crer o que lle está a pasar. Por outro lado, Marisa, a filla de Virtudes, regresa de Barcelona coa idea de reabrir a barbería do seu difunto pai. Virtudes acode ao cemiterio para consultar co finado e pedirlle algún sinal que lle permita tomar unha decisión. Mentres, o concello pretende conseguir unha subvención dunha fundación cultural; para iso pídelles aos rapaces que dean un concerto ante a responsable da concesión. Esta resulta ser unha antiga amiga do dono do Metrall@.