Rafael converteuse nun problema para Carmelo Matalobos e por iso, despois do seu intento de suicidio, o ex garda civil ten que escapar do hospital para evitar que os sicarios do narcotraficante acaben con el. Cos homes dos Matalobos e a garda civil pisándolle os talóns, o antigo sarxento sabe que a súa única opción é volverse invisible; pero Carmelo sabe como premelo tendo no seu poder a Paula, a muller. En canto aos seus asuntos persoais, o divorcio de Carmelo pon á familia patas enriba, pois o xefe dos Matalobos sorprende a todos incluíndo no acordo unha cláusula de última hora: o fillo que espera deberá criarse na Sardiñeira.
Doutra parte, desde que vendeu o taller a un conglomerado empresarial, Pedro vese obrigado a encargarse de algúns traballos que noutro tempo tivera rexeitado, así que cando ve a potencia e a gran cantidade de motores que entran pola porta do seu taller fai que o home de Sara comece a sospeitar que cometeu un grande erro. Namentres, de portas cara á fóra, a familia Viaño, grazas á valentía de Lola á fronte da asociación, converteuse no símbolo da loita social e implacable contra a droga, pero no interior da casa veranse na obriga de librar unha batalla moito máis íntima e persoal para salvar a filla.