Este espectáculo de humor para toda a familia será un espectáculo feito á medida do seu director e presentador, Roberto Vilar, que terá como colaborador principal a Xosé Touriñán (Mucha, das Cantareiras de Luar) e que estarán acompañados á súa vez de cómicos novos, caras escollidas dunha gran proba de selección. O equipo garda en secreto todo o que se refire ao contido do programa e aos seus convidados, porque pretende que cada sábado noite sexa unha sucesión de sorpresas cara ao espectador. Roberto Vilar quere facer do seu programa un espazo para o humor e o sorriso, dende a xenerosidade dos artistas que estean actuando no estudio de gravación, diante dunhas duascentas persoas que farán que as risas sexan de verdade e non enlatadas, algo que sempre agradece o espectador dende as súas casas, disposto a suspender o seu pensamento durante un par de horas.